02 Feb A veciñanza de Bueu xa ten a chave para o contedor marrón
A campaña “Orgánica ao marrón” comezou co reparto de 29 “kits de usuario” entre as persoas que se achegaron á carpa informativa realizada, este xoves, no Concello de Bueu.
Os seguintes puntos informativos serán:
No Concello de Bueu
- Xoves 8, de febreiro, diante do Centro Social do Mar, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
- Luns, 12 de febreiro, diante do Centro Social do Mar, de 10:00 a 14:00 horas.
No Concello de Cangas
- Venres 9, de febreiro, diante do Concello, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
- Mércores, 14 de febreiro, diante do Concello, de 10:00 a 14:00 horas.
- Venres, 16 de febreiro, diante do Concello, de 10:00 a 14:00 horas.
Todos os veciños que residan en zonas próximas aos contedores marróns poden achegarse ás mesas informativas para recoller o seu “kit de usuario” composto por un caldeiro de 10 litros, un rolo de bolsas compostables, unha tarxeta persoal, un folleto informativo e un imán para a neveira indicando os residuos que se poden botar no contedor.
As persoas que non teñan a oportunidade de asistir aos puntos informativos poden inscribirse no programa de implantación do contedor marrón a través do formulario online. Unha vez tramitada a súa solicitude, poderán recoller o seu kit no Concello de Cangas, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Nesta primeira fase, o contedor marrón instalarase nas principais rúas dos cascos urbanos dos concellos de Bueu e Cangas, iniciando de forma experimental a implantación da recollida selectiva de biorresiduos. A Mancomunidade ampliará progresivamente a instalación destes novos contedores, ao longo do 2024, ata a total implementación en todas as parroquias.
Recórdase á cidadanía que os contedores marróns instalaranse entre os días 2 e 3 de febreiro e estarán operativos e accesibles a partir do día 7 de febreiro.
Poderanse seguir as novidades sobre a recollida de orgánica nas nosas redes sociais (@morrazolimpo) e na páxina web da Mancomunidade.