31 Ene A Mancomunidade continúa coa campaña informativa sobre a instalación do contedor de orgánica nos Concellos de Bueu e Cangas
A Mancomunidade inicia a implantación do “contedor marrón”
Nos próximos días comezará a instalación, en diferentes puntos dos Concellos de Bueu e Cangas, do “contedor marrón”.
O inicio da recollida dos residuos orgánicos, está previsto para o 7 de febreiro, día no que os contedores estarán na vía pública, accesibles para os cidadáns interesados en participar no programa de implantación.
Os 42 novos contedores foron adquiridos, pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, mediante a concesión das <<axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuación en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU>>.
Ante a inminente implantación do novo contedor, a Mancomunidade puxo en marcha, o pasado mes de decembro, a campaña “Orgánica ao Marrón” que terá continuidade durante o mes de febreiro con distintas accións para a sensibilización da cidadanía sobre esta recollida. Levaranse a cabo mesas informativas na rúa onde os educadores ambientais repartirán, de xeito gratuíto, o material necesario para poder realizar a separación da materia orgánica, a todas aquelas persoas que estean interesadas en participar. O “kit de usuario” constará dun caldeiro de 10 litros, un rolo de bolsas compostables, unha tarxeta persoal, un folleto informativo e un imán para a neveira indicando os residuos que se poden botar no contedor.
No Concello de Bueu os puntos informativos levaranse a cabo diante do Centro Social do Mar os días 1, 8 e 12 de febreiro en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. O día 8, ademais, os técnicos continuarán pola tarde de 16:00 a 20:00 horas.
No Concello de Cangas, os días escollidos para realizar as mesas informativas son o 2, 9, 14 e 16 de febreiro, diante do Concello de Cangas, en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas, completando a xornada en horario de tarde o día 9.
Os contedores marróns dispoñen dun sistema de apertura a través dunha tarxeta electrónica, estarán claramente identificados e recolleranse de maneira separada aos residuos convencionais. Os residuos que deben depositarse neste contedor, son: restos de comida cociñada, cascas de ovo, ósos e espiñas, pan, pousos de café, papel de cociña, entre outros. Estes desperdicios serán recollidos para o seu posterior tratamento e transformación en compost, un valioso recurso para fertilizar e mellorar a calidade da terra.
Desde a Mancomunidade reiterase a obriga legal de realizar a separación e recollida selectiva da materia orgánica, que supón un 40% do total dos residuos que se xeran nos fogares, para acadar os obxectivos marcados pola Unión Europea en materia de reciclaxe.
Durante o mes de marzo continuará a campaña de comunicación con máis accións de concienciación e información. Poderanse seguir as novidades sobre a recollida de orgánica nas nosas redes sociais (@morrazolimpo) e na páxina web da Mancomunidade.
As persoas que non teñan a oportunidade de asistir aos puntos informativos poden inscribirse no programa de implantación do contedor marrón a través do formulario online. Unha vez tramitada a súa solicitude, poderán recoller o seu kit no Concello de Cangas, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.