31 Jul Consulta pública previa sobre a nova Ordenanza Fiscal da taxa de residuos na Mancomunidade do Morrazo
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo abre un período de consulta pública previa coa finalidade de recoller opinións e achegas da cidadanía e das organizacións potencialmente afectadas sobre o proxecto de aprobación dunha nova ordenanza fiscal reguladora da taxa de residuos.
Esta iniciativa responde ás obrigas impostas pola Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que obriga ás entidades locais a establecer unha taxa ou prestación pública non tributaria que cubra o custo real do servizo de xestión de residuos.
A consulta desenvólvese ao abeiro do artigo 133 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común, co obxectivo de garantir a participación cidadá na elaboración de normas.
Prazo de presentación de achegas:
Do 30 de xullo ao 20 de agosto de 2025 (ambos incluídos)
Obxecto da consulta:
- Cumprir coas obrigas legais e adaptar o marco fiscal á nova normativa ambiental.
- Garantir a viabilidade económica do servizo de residuos.
- Promover un sistema máis xusto, eficiente e sustentable.
- Incorporar criterios sociais e ambientais, promovendo a xustiza social e a contribución aos obxectivos de sustentabilidade, reciclaxe e redución de residuos.
- Aplicar o principio de «quen contamina, paga», incentivando prácticas máis responsables e respectuosas co medio ambiente.
Documentación e detalles:
Pódese consultar toda a información relacionada, no documento completo dispoñible a continuación (descargable en formato PDF).
Como participar:
As achegas poderán presentarse a través do rexistro presencial ou electrónico da Mancomunidade, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.