Inicio da Campaña informativa sobre a recollida de biorresiduos na hostalaría e comercios

Inicio da Campaña informativa sobre a recollida de biorresiduos na hostalaría e comercios

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo fixou o día 5 de febreiro como data de inicio da campaña informativa sobre a recollida Porta a Porta de residuos orgánicos.

A campaña vai dirixida a todos os grandes xeradores de materia orgánica, como restaurantes, panadarías, centros educativos, florarías… que estean localizados nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. 

A partir da semana que vén, os educadores ambientais visitarán todos estes establecementos para presentar a campaña e informar sobre este servizo. Os comercios interesados en participar poderán cubrir a solicitude de inscrición no momento das visitas ou ben adherirse mediante o formulario online da páxina web da Mancomunidade. 

Unha vez tramitada a solicitude, os técnicos da Mancomunidade farán entrega do contedor e darán as bolsas compostables necesarias para realizar a separación correctamente. A recollida Porta a Porta realízase diariamente a partir das 24:00 horas, adaptándose aos horarios da maioría da hostalaría e comercios. 

Todos os residuos orgánicos recollidos serán tratados na planta de compostaxe da Mancomunidade e o compost elaborado poñerase a disposición da veciñanza. Desde a Mancomunidade reiteran a importancia dunha boa separación en orixe. << É importante que a materia orgánica estea “limpa” é dicir, que non presente impropios, tales como plásticos, vidro, metais, etc. para que poida ser compostada correctamente>>. 

A día de hoxe, unicamente 35 locais están participando neste servizo. A xerencia da  Mancomunidade está convencida de poder contar coa participación e implicación de todos os comercios e fai fincapé na obriga legal que teñen as persoas propietarias dos mesmos, de separar en orixe os biorresiduos desde o 30 de xuño de 2022.

Os establecementos interesados en participar poderán solicitar información no correo electrónico info@mancomunidadedomorrazo.gal ou ben mediante o formulario de contacto da páxina web da Mancomunidade.