A Mancomunidade de Concellos do Morrazo vén de ampliar a súa rede de puntos limpos de proximidade

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo vén de ampliar a súa rede de puntos limpos de proximidade

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo vén de ampliar a súa rede de puntos limpos de proximidade coa instalación de seis novos colectores, que xa están en funcionamento. Con esta ampliación, conta agora cun total de 12 puntos repartidos entre os concellos de Cangas, Moaña e Bueu, facilitando á veciñanza a reciclaxe de residuos especiais que non teñen cabida nos colectores convencionais. 

Estes puntos limpos de proximidade están deseñados para a recollida de residuos de pequeno e mediano tamaño que requiren un tratamento específico, como aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), pilas, baterías, cartuchos de tinta, lámpadas de baixo consumo, cápsulas de café, radiografías, CDs e DVDs, utensilios metálicos de cociña, pinturas, disolventes e sprays. Cada colector conta con compartimentos diferenciados para cada tipo de residuo e inclúe placas de lectura en braille, garantindo a accesibilidade para todas as persoas. 

A instalación destes puntos foi posible grazas a unha subvención de 27.000 euros concedida pola Consellería de Medio Ambiente, á que se sumaron 9.000 euros aportados pola Mancomunidade do Morrazo. Esta iniciativa enmárcase dentro dos plans de economía circular e de impulso ao medio ambiente, cofinanciados polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao medio ambiente – PIMA.

Desde a súa posta en marcha, estes puntos limpos de proximidade tiveron unha acollida moi positiva por parte da cidadanía. A rede de puntos limpos de proximidade, dende a súa implantación no 2023, permitiu recoller máis de 14 toneladas de residuos, contribuíndo significativamente á mellora das taxas de reciclaxe.

A Mancomunidade do Morrazo continúa traballando para mellorar a xestión dos residuos e fomentar a reciclaxe entre a cidadanía, contribuíndo así á protección do medio ambiente e ao cumprimento dos obxectivos establecidos pola Unión Europea en materia de economía circular.