Un dos principais xeradores de biorresiduos son os establecementos de restauración e hostalaría: bares e restaurantes, cafetarías, hoteis, comedores de empresas, centros educativos, etc. A maioría destes restos orgánicos prodúcense durante a manipulación dos alimentos e a preparación de comidas ou durante o seu consumo (excedentes ou ben, restos non consumibles como tonas, ósos, cunchas…).
O obxectivo principal desta recollida selectiva é mellorar a xestión dos residuos da Mancomunidade e incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normas: europea, estatal e autonómica. Ao mesmo tempo, transformaranse estes residuos nun fertilizante natural, o compost, que poida substituír a outros tipo de fertilizantes e manter a calidade dos solos nos que se aplica.
Para evitar danos no medio ambiente e acadar os obxectivos europeos, a recollida separada dos residuos orgánicos é imprescindible. É importante que a materia orgánica estea “limpa”, é dicir, que non presente impropios, tales como plásticos, vidro, metais, etc, para que poida ser compostada correctamente. No caso de non estar ben separada destes elementos impropios sería inservible.
Quen pode participar?
Todo gran produtor de materia orgánica, como restaurantes, panadarías, centros educativos, florarías, etc que estean localizados nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.
Como funciona?
Unha vez adherido o establecemento, realizarase unha visita explicativa por parte do persoal técnico da Mancomunidade e farase entrega dun ou varios colectores marróns (segundo necesidades) e bolsas compostables.
A recollida realízase diariamente en cada establecemento para o baleirado dos colectores.
Como adherirse?
Se queres solicitar información sobre o novo sistema de recollida, podes poñerte en contacto a través do correo electrónico: info@mancomunidadedomorrazo.gal